Co desenvolvemento da sociedade do benestar, o acceso aos bens e servizos converteuse nunha esixencia á que non se pode renunciar. Por iso, as organizacións supranacionais, o Estado español e os gobernos autonómicos, en virtude das súas competencias, elaboraron e desenvolveron leis para garantir os dereitos dos maiores e das persoas con discapacidade e as súas familias, en igualdade de condicións respecto ao resto dos cidadáns.
Por outra banda, no eido da Sociedade da Información xurdiron novas necesidades de homologación e de estandarización, que aliñan a oferta de tecnoloxías da accesibilidade e a demanda dos colectivos de discapacitados.
Esta sección ofrece información sobre a normativa e lexislación aplicable ás tecnoloxías da accesibilidade e os produtos de apoio. Ademais, fai referencia ás necesidades de estandarización e homologación do sector das tecnoloxías da accesibilidade.
